Este xoves 15 reunirase o tribunal de avaliación das solicitudes que aínda restaban por atender para acceder ás axudas económicas directas municipais para establecementos de hostalería, comercio, micro empresas e autónomos do Porriño afectados polas restricións durante este ano 2021.
Será a terceira quenda de achegas pola Covid, ás que se presentan medio cento de solicitantes que tiveron que aportar documentación que lles faltaba, segundo adiantou David Alonso, concelleiro de Promoción Económica.
Ata o momento dispuxéronse de 96.393 euros con cargo ao fondo total de 140.000 euros que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño, dotado mediante recursos propios do Concello, a través dunha modificación de crédito, e coa achega concedida pola Deputación de Pontevedra.
O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.