A Concellería de Servizos Sociais que dirixe David Alonso ven de realizar un balance das actuacións deste departamento dende que comezou a pandemia. O informe ofrece datos espectaculares como a cantidade de alimentos repartidos entre familias en risco de exclusión social. Un millón de quilos de produtos non perecedoiros e conxelados distribuídos a través do Banco de Alimentos SÓS Porriño, coa colaboración de voluntarios, Protección Civil e Policía Local. A metade dese millón de quilos de produtos, repartidos ao longo dos quince meses transcorridos, proceden de doazóns de empresas de Porriño e da contorna, e o resto das achegas realizadas polo Concello con fondos propios. Nos peores momentos da pandemia, esa axuda alimentaria alcanzou a 500 familias do Porriño. Actualmente tan só é precisa para 160 familias, segundo informou David Alonso.
Nese senso, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou as achegas extraordinarias efectuadas polo Concello “nas circunstancias máis difíciles coas corentenas e confinamentos” por un total de 100.000 €, mediante crédito extraordinario para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade.
Tratouse dunha acción extra que complementou a axuda periódica do Banco de Alimentos, mediante un contrato co Supermercado Froiz da rúa Ramón Gónzalez que permitiu que as persoas e familias mais desfavorecidas fixeran compra de produto de primeira necesidade, previo informe e autorización polos técnicos do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Por outra banda, o Concello tamén abonou no que vai deste ano 2021, 11.819 € en axudas de emerxencia social, previamente informadas polos técnicos de Servizos Sociais. Esas achegas para as familias máis desfavorecidas, dirixíronse aos nenos e nenas que precisaban gafas, tratamentos dentais ou produtos farmacéuticos. E finalmente o departamento de Servizos Sociais tamén tramita, informa e resolve a concesión das tarxetas moedeiro (“Tarxeta Básica”) que a Xunta de Galicia subvenciona con achegas de 300 euros por familia solicitante. Ata de agora, os técnicos municipais xestionaron 144 peticións por un importe total de 43.000 €.