Eva Garcia de la Torre visitou na capital do Estado, xunto con responsables de Metro de Madrid e da empresa porriñesa “Godoy Maceira”, a réplica do Templete de San Luis que está a construírse, de novo, no seu antigo emprazamento, na estación de Metro de Gran Vía.
A empresa porriñesa que dirixe Fernando Godoy traballa dende abril nesta réplica da obra orixinal de Antonio Palacios de hai un século e que conservamos no Porriño. A Comunidade de Madrid pretende inaugurar esta réplica xunto coas restantes obras de remoción da estación de metro de Gran Vía no mes de xullo.
O empresario porriñés xunto con María Teresa Diaz, coordinadora de relacións institucionais de Metro de Madrid, acompañaron á alcaldesa no percorrido polas obras de reconstrución.
Pola súa banda, Eva Garcia explicoulle aos responsables do Metro de Madrid que O Porriño está a celebrar dende o 27 de outubro de 2020, o “Ano Antonio Palacios”, en conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento e, precisamente, nesta fin de semana comeza outra das actividades programadas polo Concello, coas visitas guiadas teatralizadas que continuarán ata outubro.
A alcaldesa agasallou aos máximos responsables de Metro de Madrid, Angel Garrido, conselleiro de Transportes da Comunidade, e Silvia Roldán, conselleira delegada da compañía de transportes, con exemplares dos libros editados polo Concello do Porriño sobre Antonio Palacios. Do mesmo xeito, a alcaldesa recibiu un libro editado pola Comunidade de Madrid sobre o legado de Antonio Palacios na capital de España.