A alcaldesa Eva Garcia convocou para mañá venres, ás 11 horas, reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid na que se abordarán as últimas novidades entre as que figura a realización dun cribado polo Servizo Galego de Saúde que convocará a 6.000 persoas da contorna. As probas de PCR realizaranse o domingo 25.

Ao respecto, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente desculpouse hoxe coa alcaldesa Eva Garcia por non ter informado previamente ao Concello do Porriño da previsión dese cribado a realizar no Polideportivo Municipal. O xerente atribuíu o erro ao seu gabinete que informou da previsión sen ter falado aínda cos concellos que se citan nunha nota informativa, entre eles, O Porriño, que se difundiu onte.
O Concello porá o Pavillón número 2 do Polideportivo Municipal a disposición do SERGAS para a realización desas probas.
 
A alcaldesa exhorta á veciñanza a participar neste cribado para contribuír á localización de posibles asintomáticos. Eva Garcia agarda a colaboración da cidadanía xa que os últimos cribados convocados polo SERGAS na área de Vigo están a ter moi baixa participación.