A concelleira de Igualdade, Cami Moreira asistiu esta mañá ao IES Ribeira do Louro onde estaba a desenvolverse unha das sesións do obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes. Impártese en horario lectivo para alumnado dos centros de ensino secundario do Porriño ao longo desta segunda quincena do mes de abril. Trátase dunha actividade concertada co Ministerio de Igualdade do Goberno de España e ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
O enfoque deste obradoiro basease en que na adolescencia as decisións asociadas ao desenvolvemento sexual adoitan ter importantes implicacións para a saúde e a educación, así como para as relacións actuais e futuras.
Amais están os riscos que pode ocasionar a falta de formación emocional e sexual que co acceso a internet, as novas tecnoloxías, aos novos espazos de socialización para a mocidade poden derivar en condutas de ciberviolencia nas parellas adolescentes.
A metodoloxía anovadora deste obradoiro, crea un entorno de interese e colaboración por parte da mocidade, imprescindibles porque parte da premisa de ter en conta o seu punto de vista, as súas opinións, a rapazada é a protagonista.
Obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes “Deseñando unha educación sexual para adolescentes”