A alcaldesa Eva García dirixiu esta mañá unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, instándolle a considerar que a Xunta de Galicia amplie o prazo para formalizar os trámites necesarios para o “Plan de Hostalería Segura”
A falta dunhas horas para que entren en vigor as medidas requiridas, a hostalería do Porriño trasladou hoxe nunha reunión á concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e axentes da policía local, “a nosa preocupación polo colapso da páxina web de Turespazo para obter os códigos QR, cuxo prazo remata a media noite “, segundo José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño.
Pola súa banda, a concelleira de Seguridade explicou que o goberno municipal “está ao dispor da hostalería, un sector xa moi castigado, para axudarlles a acadar a mellor solución posible”, segundo declarou Lourdes Moure.
En consecuencia, a alcaldesa decidiu instar por carta ao titular da Consellería de Sanidade que “permita a ampliación do devandito prazo para dar tempo para formalizar todas as solicitudes dos hostaleiros do Porriño á vista da inquedanza xerada entre os autónomos pola posibilidade de non poder cumprir a normativa por motivos alleos ao seu control “, segundo a carta de García de la Torre.