O Goberno Local asina un convenio cun “importante grupo inversor” que suporá a creación dunha grande área comercial e a transformación da rúa Antonio Palacios e a parroquia de Cans

O Goberno local do Porriño ven de dar un importante paso para confirmar as expectativas dun ambicioso plan que abrangue a rúa Antonio Palacios e a parroquia de Cans.

Este xoves, a alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, subscribiron un convenio entre un “importante grupo inversor” e o Concello que ten coma obxectivo, como salientou Marcelino Coto, “acometer unha reforma integral” nesta parte da vila.

O concelleiro sinala a relevancia desta decisión, “xustificada polo interese público”, que suporá a eliminación do tráfico pesado do casco urbano e a “humanización de Antonio Palacios, con novas beirarrúas, alumeado, ou faixas verdes e de esparexemento, que fará posible que esta rúa pase a ser unha grande avenida”.

Coto lembra que en neste entorno están o Colexio Hermanos Quiroga, o IES Pino Manso, o CEIP Fernández López, unha gardería da Galiña Azul, o Pavillón e a Piscina Municipal, e que a reforma significará unha “mellora substancial na seguridade e na calidade de vida” das veciñas e veciños da contorna, en particular, e de todas as porriñesas e porriñeses, en conxunto.

O convenio abrangue, ademais, a radicación nunhas parcelas que conforman unha superficie de máis de 25.000 metros cadrados no que se abrirá unha grande área comercial e de lecer, con novos espazos dotacionais que, subliña Marcelino Coto, “creará numerosos postos de traballo, tanto directos coma indirectos”.

Logo da sinatura do convenio, o seguinte paso é promover unha reforma puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana que, remata Coto, está en xa en marcha.