Hoxe celebrouse a presentación da tempada 2021 do equipo “La Sal Cocinas Louriña” en Porriño, xunto á escultura que honra a Oscar Pereiro, gañador do Tour de Francia do 2006. Este club, nacido en 2020, ten 110 licenzas e 5 equipos en categorías elite e menos de 23 homes e mulleres; en xuvenís femininas; en BTT-XCO e na categoría máster (veteranos).
O Concello do Porriño é o principal patrocinador desta escuadra ciclista cunha axuda de 15.000 euros máis outras achegas na organización de probas ao longo da tempada.
O presidente do club, Juan José Alvarez Cerdeira destacou o acordo alcanzado co Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para incorporar ao equipo xuvenil feminino a cinco das mozas que se forman neste centro de alto rendemento. Entre elas a triatleta porriñesa, Carla Guisande e Elsa Pena. Mentres que Aida Valiño e Uxía Fernández liderarán o equipo de elite feminino.
No equipo masculino, Iago Lorenzo, en sub 23 e Gustavo Rodríguez, en elite, serán os referentes esta tempada ás ordes de Jacobo Ucha.
Rafa Pérez, no nome de “La Sal Cocinas”, principal patrocinador privado do equipo, explicou que a firma que representa “quixo asociarse cun proxecto deportivo que nos trouxo moitas alegrías no Porriño”. De xeito especial, o representante da firma “La Sal Cocinas” referiuse “a aposta que fai este club polo ciclismo feminino, tanto en júnior como en elite e sub 23, sacando dous equipos, consolidando o ciclismo como actividade integradora” , dixo Rafa Pérez.
Finalmente, David Alonso, concelleiro de Deportes en Porriño, criticou que institucións “como a Xunta de Galicia dean as costas ao deporte de base e gastan nunha Volta a España, en definitiva, invisten mal, ao noso xuízo”.
O conselleiro compárao co gasto que veñen realizando outras administracións, como o Concello do Porriño. Alonso Bargiela afirma que “desde 1996 este Concello apoia o ciclismo en deporte de base e categorías inferiores con máis de 1 millón de euros que serviron para conseguir tantos ciclistas como o val da Louriña produciu”.