A proba de bicicleta da montaña máis atractiva do circuíto galego volve cunha nova edición chea de sorpresas. A parroquia de Atios, no Concello do Porriño, será o vindeiro 5 de marzo escenario da III Marcha BTT Virxe da Guía, que nesta ocasión presenta un trazado de 45 quilómetros con dificultade media-alta.
Para os menos arriscados hai un percorrido alternativo de 35 quilómetros de dificultade media. O 80% do trazado é novo con respecto a edicións anteriores, incluídos todos os descensos. A edición deste ano prevé un paso elevado sobre auga, de 27 metros, ademais dun treito completo sobre penedos.
Nesta ocasión a proba contará coa presenza de Desirée Duarte, campiona de España de ciclocross, Isabel Castro, campiona de Galicia, e Luis Oliveira, ex ciclista profesional, campión da Volta a Galicia. A saída está programada para ás 9 e media da mañá dende o campo de fútbol do Carballo. Haberá premios para os primeiros clasificados, en categoría masculina e feminina. Tamén se premiará ao corredor máis novo, ao máis vello e ao que proceda de máis lonxe.
Durante o percorrido un dron gravará o paso dos ciclistas polos lugares de máis interese. Estas imaxes poderán ser vistas nunha pantalla xigante instalada na meta, situada tamén no campo do Carballo. A organización ofrece un seguro individual, vestiarios con duchas, lavado de bicicletas, e un petisco para cada participante.
A inscrición está aberta ata o xoves 2 de marzo, cun custo de 8€ por participante. Para apuntarse hai varias posibilidades: no teléfono 609 037 469; nos seguintes establecementos colaboradores: cafetería do Centro Cultural de Atios, Qué Bici (Vigo), Tramo Libre (Cangas) e Xtrembike (Pontevedra); ou directamente na entidade Abanca cando se realice o ingreso da inscrición (enviando xustificante a virxendaguía@gmail.com). O número de conta é: ES55 2080 5452 6430 0020 6400. Toda a información está dispoñible en facebook/festavirxedaguía.