24 veciños do Porriño en busca de traballo mellora a súa empregabilidade completando o Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais impartido pola Fundación Labora da Construción

A concelleira de Emprego, Soledad Girón, entregou os diplomas concedidos pola Fundación Laboral da Construción aos vintecatro participantes no Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais, organizado por esta entidade en colaboración co Concello do Porriño.

O mesmo, cunha duración de 60 horas, 40 delas on line e 20 presenciais, permite ás persoas que o realizan ter máis posibilidades de acceder a un posto de traballo dentro da construción dado que en todas as obras ten que haber unha persoa que conte co coñecementos adquiridos neste curso.

Como lembrou o representante da Fundación Laboral da Construción, o obxectivo que se persigue no sector e reducir a sinestralidade algo que facilita o feito de que os profesionais teñan a maior preparación posible en prevención en riscos laborais, tal e coma se recolle, ademais no propio convenio.

Pola súa banda, a concelleira Soledad Girón subliñou que é “unha prioridade para o Goberno local contribuír á creación de emprego e poñer todas as facilidades para que sexa posible”. Girón tamén salientou que para facelo “é clave” a colaboración con entidades da importancia e experiencia da Fundación Laboral para a Construción e amosouse “absolutamente segura” de que esta cooperación seguirá adiante.