A alcaldesa Eva Garcia recibiu hoxe, a primeira hora da mañá ao ministro de Sanidade do Goberno de España, Salvador Illa que acudiu a visitar as instalacións da factoría “Biofabri” do grupo empresarial “Zendal”, sita en Torneiros. O ministro manifestou que tiña un especial interese en coñecer o traballo que está a desenvolver para a fabricación dunha das vacinas contra a Covid que xa está en pleno proceso de fabricación.
Xunto co ministro e a alcaldesa do Porriño acudiron á visita das instalacións Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade; Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da FEMP; a directora da Axencia Española dos Medicamentos, María Jesús Lamas e Javier Losada, delegado do Goberno de Galicia. Na visita ás instalacións de “Biofabri” tiveron como anfitrións a Pedro Fernández Puentes, presidente do grupo “Zendal”; Andrés Fernández, conselleiro delegado e Ricardo Troncoso, director da factoría.
O ministro mantivo unha reunión de traballo coas autoridades presentes e os directivos do grupo “Zendal” na que a alcaldesa do Porriño reclamou ás administracións competentes “unha maior axilidade nos procedementos urbanísticos para facilitar o crecemento das instalacións de Biofabri no Porriño”. Precisamente o presidente do grupo empresarial agradeceu a Eva García “a estreita colaboración e as facilidades que a alcaldesa do Porriño nos dispensa dende que ela chegou ao cargo”.