O Día Internacional da Muller é unha data que se celebra en moitos países do mundo. Cando as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, únense para celebrar o seu día, poden contemplar unha tradición de non menos de noventa anos de loita en prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.
O Día Internacional da Muller refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular da muller por participar na sociedade en pé de igualdade co home. Na antiga Grecia, Lisístrata empezou unha folga sexual contra os homes para poñer fin á guerra; na Revolución Francesa, as parisienses que pedían “liberdade, igualdade e fraternidade” marcharon cara a Versalles para esixir o sufraxio feminino.
A idea dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, que foi, no mundo industrializado, un período de expansión e turbulencia, crecemento fulgurante da poboación e ideoloxías radicais.
A Carta das Nacións Unidas, asinada en 1945, foi o primeiro acordo internacional para afirmar o principio de igualdade entre mulleres e homes. Desde entón, a ONU axudou a crear un legado histórico de estratexias, normas, programas e obxectivos acordados internacionalmente para mellorar a condición das mulleres en todo o mundo.
Cos anos, a ONU e os seus organismos técnicos promoveron a participación das mulleres en condicións de igualdade cos homes no logro do desenvolvemento sustentable, a paz, a seguridade e o pleno respecto dos dereitos humanos. O empoderamento da muller segue sendo un elemento central dos esforzos da Organización para facer fronte aos desafíos sociais, económicos e políticos en todo o mundo.