A Biblioteca do Porriño, xunto co Servizo de Normalización Lingüística, organizan as xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro” que se celebrarán no Centro Cultural Municipal os días 21,22, 23 e 24 de marzo.
A programación dará comezo o martes 21, ás 18 h, cos relatorios “Plantar unha semente” a cargo da escritora Ledicia Costas e “O camiño á persoa lectora. Clubs, libros e premios” con Ana Abad de Larriva, coordinadora do Club de Lectura do Concello do Porriño.
O mércores 22, á mesma hora, o director de edicións da Editorial Galaxia, a escritora e coordinadora do premio de teatro Roberto Vidal Bolaño, Raquel Castro, e o escritor Diego Giráldez, protagonizarán o coloquio “Da idea á libraría. Que pasa no camiño”.
Tamén as 18 h, o xoves, o escritor Carlos Meixide falará sobre “A autoedición para quen a traballa” e a técnica de normalización lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, o fará sobre as “Revisións lingüísticas. Oportunidades de edición”.
As xornadas rematarán o venres, a partir das 16 h, coa xornada de presentación de libros de autoras e autores locais “Eu vin aquí a falar do meu libro!” nas que 17 escritores e escritoras presentarán as súas últimas obras. Nesta xornada, que contará coa colaboración de Sandra Estévez, participarán Alfonso Ferreira Ramilo, Olga Alonso Alonso, Aitor Alonso Rodríguez, Tania Alonso, Sonia Blanco Sío, Ricardo Canosa Bastos, Luis Carlos Féliz Rivero, Begoña Yglesias Porta, César López Mougán, Brais Mariño Costas, Andrea Martínez Baladrón, Samuel Merino – Pompa&Boato, F.J. Pampillón, Carmen Pereiro, Marta Puíme, Sandra Rodríguez Burgos e Beatriz Cabaleiro.
Ademais, preceden estas xornadas uns obradoiros de creación literaria co escritor porriñés Diego Giráldez, que se están a desenvolver durante esta primeira quincena de mes.