- Concello organiza esta actividade para maiores de 65 anos todos os mércores e venres de outubro e novembro
- As persoas interesadas xa poden inscribirse no rexistro municipal
O Porriño, 26 de setembro de 2025.- Tralo parón estival, a Concellería de Sanidade do Concello do Porriño retoma as andainas saudables, sociais e deportivas dirixidas a persoas maiores de 65 anos. Esta actividade, que tivo un gran éxito desde o seu inicio, volve co obxectivo de fomentar a actividade física e o envellecemento activo, ao mesmo tempo que contribúe a combater o illamento social que afecta a moitos dos nosos maiores.
“As andainas saudables son unha excelente oportunidade para que os participantes se manteñan activos e socialicen, evitando así o sedentarismo”, explica a concelleira Teresa Veloso. Durante o paseo, estarán acompañados en todo momento por persoal cualificado, garantindo así o seu benestar e seguridade.
Serán todos os mércores e venres ás 10.30 horas e arrancarán o vindeiro 1 de outubro, ata o 28 de novembro. Para participar é necesario inscribirse no rexistro do Concello do Porriño indicando os días que desexen asistir.
“Convidamos a todos os maiores a unirse a esta iniciativa que non só promove a saúde, senón que tamén crea un espazo de encontro”, indica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que anima a “seguir camiñando xuntos cara un envellecemento activo”.