A Concelleira de Emprego do Concello do Porriño pon en marcha novas edicións do Curso de Ofimática e Capacitación Dixital para o vindeiro mes de setembro. Desde xuño xa se teñen feito 5 edicións ás que asistiron preto de 100 alumnos e alumnas.
O luns 2 de setembro retómase este curso gratuito de 30 horas para iniciarse no uso de smart phones e ordenadores, correo electrónico, xestións de citas médicas e outro tipo de aplicacións para facer xestións ou incluso publicar contidos en redes sociais. O curso tamén ensina como evitar ciberataques ou protección da presenza nas redes, entre outros temas.

O curso está destinado a persoas maiores de 16 anos e impártese nas instalacións de Porremprego, no edificio Multiusos de Torneiros. Hai quendas de mañá (9:30-13:50) e de tarde (16:00-20:20). As seguintes edicións darán comezo os días 2, 12 e 24 de setembro e o 3 e 14 de outubro. As persoas interesadas pódense inscribir directamente enchendo o formulario do curso, ou contactando con Porremprego no email orientacion@porremprego.org, no teléfono 986 33 82 17, ou acudindo á sede.
Rosario Costas, concelleira de Emprego e Formación recorda que as prazas son limitadas e xa quedan poucas prazas para as quendas da primeira semana de setembro.
Este curso está financiado cos fondos Next Generation da Unión Europea a través do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática e no marco de Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
