- O polígono de Cataboi acollerá o vindeiro domingo, 9 de novembro, a máis de 300 ciclistas nunha xornada de competición e promoción do deporte
O Porriño, 1 de novembro.- A Copa Galicia de Ciclocross 2025-2026 regresa ao Porriño para celebrar a súa quinta cita do calendario. Despois de ter iniciado a competición nesta mesma localidade co VIII Trofeo Ciclocross Avanza Concello do Porriño, o vindeiro domingo, 9 de novembro, celebrarase o IV Trofeo Ciclocross Grupeta Pan de Zarko. Será a partir das 10.00 horas no Polígono Industrial de Cataboi.
A proba está organizada polo Club Ciclista Grupeta Pan de Zarko e contará cun amplo abano de categorías, tanto na modalidade masculina como feminina, desde cadete, infantil e junior, a sub 23, elite e master 30, 40 e 50/60 que deberán completar un circuíto de preto de tres quilómetros, cualificado pola oranización como “largo e duro”. Haberá dous actos de entrega de premios, un sobre ás 12.00 e outro ás 14.30 horas aproximadamente. As categorías élite e sub 23 recibirán un premio en metálico e as restantes trofeos.
Dende a organización, espérase a participación de entre 300 e 350 ciclistas, con todo o prazo de inscrición continúa aberto ata ás 15.00 horas do vindeiro xoves 6 de novembro, de xeito telemático a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, www.fgalegaciclismo.es. O custo da inscrición é de 10 euros e está limitada a só federados. A recollida de dorsais realizarase o mesmo día da competición, a partir das 08.30 horas.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste evento para o municipio, “estamos encantados de volver acoller unha proba da Copa Galicia de Ciclocross. Este evento non só pon de relevo a vitalidade do deporte na nosa localidade, senón que tamén atrae afeccionados e participantes de toda Galicia, xerando un ambiente festivo e de promoción do deporte”, indicou durante o acto de presentación ao que asistiron o presidente e o secretario do Grupeta Pan de Zarko, Jose Roberto Ramírez e Pablo Márquez, respectivamente, e, por parte da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz e Óscar Fernando Sánchez, presidente e vicepresidente, ademais de integrantes do club e colaboradores da proba.
O IV Trofeo Ciclocross Grupeta Pan de Zarko promete ser un gran espectáculo para os afeccionados e competidores, reforzando a importancia do Porriño como referencia do ciclocross galego, en particular e do deporte en xeral.

