Veciñas e veciños do barrio da Vaquería, en Budiño, realizarán cortes de tráfico na estrada PO-510, para esixir, de novo ao Goberno de Galicia, que atenda as súas reivindicacións e que se deseñe unha ‘isleta’ central e pasos peonís entre os quilómetros 2,200 e 2,600.
Así o decidiron este xoves nunha xuntanza, á que acudiu o tenente de alcalde, Manuel Carrera, e na que aprobaron solicitar permiso para realizar ese corte de tráfico todos os mércores-empezando polo vindeiro, o día 21 de novembro- de 1 a 1 e media da tarde, e denunciar, de novo, que o barrio está dividido por unha liña continua na estrada que fai imposible aos coches xirar para chegar ás casas ou negocios e cruzar aos peóns que, ante o perigo que supón teñen que andar máis de un quilómetro.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, que non puido achegarse hoxe ata a Vaquería, reiterou todo o seu apoio a esta reivindicación e lembrou que “hai xa máis de 6 meses que os responsábeis da Xunta comprometéranse a estudar á proposta dos habitantes desta parte do Porriño para rematar con esta situación e ata hoxe non deron sinais de vida”.
Os veciños amosaron o seu desexo de que na mobilización do vindeiro mércores haxa representantes de todos os grupos políticos do Concello, “porque este é un tema que afecta a toda a veciñanza, que divide a familias e no que temos que estar todos esixindo unha solución que ten que tomarse xa”.