Uxía Lorenzo Alonso, do CPR Hermanos Quiroga resultou gañadora no Porriño do concurso de debuxo infantil convocado polo Consorcio de Augas do Louro. Ao igual os outros tres gañadores (Sofía Campos en Mos, Arantxa Díaz en Salceda de Caselas e Eduardo Ríos en Tui) recibiu como premio unha tablet, que lle foi entregada polo presidente do Consorcio e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo , a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro e o tenente de alcalde de Mos, Camilo Grandal, nun acto celebrado onte nas instalacións da EDAR de Guillarei, no cal agradeceron á cativada a súa participación neste concurso e o seu compromiso coa auga, o medio ambiente e o coidado do planeta.
 
Son amigos, aman a natureza e teñen unha misión: protexer a auga e mellorar o mundo. Eles son os integrantes da Cuadrilla Sostible, os personaxes da historia na que se sustenta este certame baixo o título “QUAL e ODS6, Acuaventura coa cuadrilla sostible”. Ademais dun gañador por cada municipio, establecéronse dous finalistas cuxo premio consistiu nun reloxo dixital. As agraciadas no Porriño foron Uxía Romo Otero e Carolina Estévez Rodríguez do CPR Hermanos Quiroga.
 
Nesta sexta edición recibíronse un total de 274 debuxos, procedentes de 16 colexios dos catro concellos que integran o Consorcio, no que debía quedar reflexado o coidado da auga e do medio para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
 
“Trátase dun xeito lúdico de concienciar á cativada no uso responsable da auga, dándolle a coñecer a importancia que este recurso ten nas nosas vidas e as claves para protexer a biodiversidade”, explica o presidente do Consorcio. Así, ao longo desta aventura danse exemplos de reciclar, de non malgastar a auga, de usar menos plásticos, non estragar a comida, de que cousas non se deben tirar no inodoro…todo dun xeito didáctico e divertido da man duns personaxes animados que , ao final da historia, invitan a poñer en práctica todos os bos consellos aprendidos.
 
Os debuxos gañadores e finalistas, os cales están colgados e se poden ver na páxina web do Consorcio (consorciodolouro.es), protagonizarán o calendario que a entidade edite para o 2024, ilustrando cada un dos meses do ano.