- A proba chega a súa décimo terceira edición o vindeiro sábado, 4 de outubro, dentro das Festas do Cristo
- A inscrición, on line e gratuíta, permanecerá aberta ata a medianoite da xornada previa
O Porriño, 1 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño, en colaboración co Club Atletismo Porriño, organiza a XIII Milla Porriñesa “Festas do Cristo”, que terá lugar o vindeiro sábado 4 de outubro, a partir das 19.00 horas, nas rúas do centro urbano da vila, con saída e chegada na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
Desde o Club Atletismo Porriño agardan a participación duns 300 atletas entre todas as categorías, dende cativada de 2 anos ata corredores veteranos. Con todo, lembran que a inscrición continúa aberta de xeito gratuíto ata a medianoite do venres 3 de outubro, a través da páxina web ecultura.net
O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo fixo un chamamento á participación destacando o valor do evento como parte das Festas do Cristo. “A Milla Porriñesa é un exemplo de como o deporte e as nosas tradicións poden ir da man. É unha festa para toda a familia e unha oportunidade para encher as rúas de Porriño de vida e compañeirismo. Animo a todas as veciñas e veciños a que se anoten e formen parte desta proba tan nosa”.
O evento está aberto tanto a atletas federados como non federados, e contará con cinco categorías por idades: Pitufiñas e Pitufiños (2-4 anos) que correrán 100 metros, velociraptores (5-7 anos) 200 m, Esprinters (8-10 anos) 400 m, Correcamiños (11-14 anos) 800 m e Milla Porriñesa (15 anos en diante) 1.609 metros, dentro desta inclúense tamén as subcategorías Veteranos A (35-50 anos) e Veteranos B (máis de 50 anos). Todos os participantes recibirán medallas ou trofeos segundo a categoría, ademais os tres primeiros absolutos (masculino e feminino) recibirán cadansúa bola de pan do Porriño. O cronometraxe será manual a cargo do persoal do Club Atletismo Porriño, contabilizándose os tempos dos tres primeiros clasificados de cada carreira.
Para facilitar a participación, o Concello poñerá a disposición dos atletas vestiarios e duchas no Polideportivo Municipal. Dende a organización fan un último convite a sumarse á carreira antes do peche de inscrición, destacando o carácter familiar, integrador e festivo da proba, xa convertida nun referente deportivo local nas Festas do Cristo.