A Concellería de Cultura e Festas anuncia o cuarto e último evento da programación “A praza non se apraza, fin do confinamento” que terá lugar este domingo día 5, ás 22,30 horas da noite.
Será unha sesión de cinema na rúa, en Torneiros. Proxectarase na traseira da igrexa de San Rosendo. Aforo, 100 persoas.
A película elixida é “O apóstolo”, un film de animación en 3D, dirixido por Fernando Cortizo na que participan poñendo as súas voces, actores e actrices galegas tan sobranceiros como Luis Tosar, Xosé Manuel Oliveira “Pico”, Carlos Blanco, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Manuel Manquiña e colaboran artistas non galegos coma Héctor Alterio, Gabino Diego, Terele Pavez, Jorge Sanz, Geraldine Chaplin e Paul Naschy na que foi a súa última actuación antes de morrer.
Entre os moitos galardóns acadados por esta película, subliñar os seis premios “Mestre Máteo” que obtivo en 2013, ano no que tamén estivo nomeada para os premios Goya.
Con este ciclo “A praza non se apraza”, a Concellería que dirixe Cami Moreira quixo “amosar o agradecemento do Concello a veciñanza do Porriño que fixo máis levadío o tempo de confinamento a causa da pandemia”.
Dende o 13 de xuño, ofrecéronse dous concertos a cargo do grupo musical “KAF” e a actuación da pianista Ana Belén Rodríguez, en diferentes enclaves urbanos da vila, sen público.