Un novo Peto de ánimas sorprende aos peregrinos aos pés da capela de San Campio, en Pontellas. Isto é posible grazas a Aurea Rivas, unha veciña de Mondariz moi vinculada á parroquia pola súa familia, que decidiu poñerlle a imaxe das almiñas ao peto que preside o recinto e cuxa única inquilina desde hai anos era unha esmagada lata de Coca Cola.
Arquitecta de profesión, Aurea mostrou sempre un especial interés en recuperar o tradicional e o noso patrimonio, o que a levou a formar parte da Asociación Galega de Petos das Ánimas.
Tal e como explicou onte na inauguración do peto en San Campio, a historia do pequeño baixo relevo de almiñas que hoxe alberga é cando menos cuirosa. “Non o inventei, é unha réplica exacta dun antigo de madeira que non sei se o atepei eu ou me atopou el a min, caído á beira dun camiño”. Mentres tentaba restaurala “con moito respecto”, foi xurdindo nela a idea de reproducilo e “así poder dar sentido ás pedras espidas que van quedando ao longo da nosa xeografía, que os máis vellos chaman almiñas, pero que ao non ter imaxe que o represente acaban desaparecendo”. Como o de San Campio.
E non o dubidou, contactou co Concello para poñer en marcha esta iniciativa que onte culminou coa instalación e inauguración do novo peto de ánimas, á que acudiu o goberno municipal, a comisión de festas de San Campio e veciños/as da parroquia.
“Teño a certeza de que estamos todos de acordo en que debemos manter viva a iconografía tradicional da nosa terra, esa que nos identifica e nos diferencia do resto do mundo”, concluíu emocionada, “Con pequenos xestos como este, contribuímos a salvagardar a nosa cultura, a honrala e a trasmitila na medida das nosas posibilidades, tanto aos camiñantes como ás vindeiras xeracións. Por iso quero agradecer enormemente a cálida e ilusionante acollida que recibiu esta idea por parte do Concello do Porriño”.