O Porriño prepárase para vivir unhas festas de Nadal inesquecibles cunha nova atracción estrela: unha pista de patinaxe sobre xeo ecolóxico, pensada especialmente para que os máis pequenos e as súas familias gocen da maxia do Nadal no centro da vila.
Cunhas dimensións de 160 metros cadrados (16 metros de longo por 10 de ancho) e capacidade para 40 persoas simultaneamente, a pista instalarase no aparcamento público da rúa Antonio Palacios. Para garantir a diversión calquera día, estará cuberta por unha carpa, permitindo o seu uso mesmo en días de choiva. E o mellor de todo: o acceso será completamente gratuíto.
Está previsto que a pista de patinaxe abra as súas portas do 7 de decembro ata o 8 de xaneiro, converténdose nun lugar imprescindible para gozar destas datas. O horario xeral será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, aínda que en días sinalados como o 7, 24, 25 e 31 de decembro, e o 1 e 5 de xaneiro, estableceranse horarios especiais que se comunicarán proximamente.
A instalación conta con tecnoloxía de xeo ecolóxico, unha solución respectuosa co medio ambiente que permite gozar desta actividade tradicional do Nadal de maneira sustentable.
Esta iniciativa forma parte dun completo programa do Nadal que o Concello está a ultimar e que comezará hoxe co tradicional aceso da iluminación do Nadal, nun acto cheo de emotividade a cargo dos usuarios e usuarias de Aceesca.
“Queremos encher O Porriño de ilusión e ledicia este Nadal, creando espazos de encontro para as familias e actividades que nos fagan gozar xuntos destas datas tan especiais”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo, convidando a todo o mundo a visitar a vila “para gozar dun Nadal inesquecible”.