A Rede EcoComedores de Eu Rural desembarcou no Porriño para dar a probar os seus menús saudables á rapazada porriñesa. A presidenta de Eu Rural, Sandra González; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e as concelleiras de Educación e Turismo, Carolina González e Vanessa Ucha, visitaron o comedor do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, no que durante toda a semana pasada cativos e cativas degustaron un menú especialmente deseñado ao abeiro do proxecto con produto local, de tempada e ecolóxico.
Durante unha semana, os máis de 330 rapaces e rapazas que acoden ao comedor escolar deste centro educativo porriñés puideron probar un menú elaborado con produtos servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, o luns comezaban cunha ensalada de tomate e revolto de ovo con espinacas; o martes degustaron arroz 3 delicias e polo guisado con verduras; o mércores foi a quenda de ensalada de garavanzos e fideuá de verduras; o xoves houbo ensalada de pasta de entrante e pescada en salsa verde de prato; e o venres rematou con brócoli gratinado con patacas guisadas con tenreira. De sobremesa houbo todos os días froita de tempada, agás o xoves que foi acompañada de requeixo ou queixo fresco.
Durante a visita, Sandra González destacou “a importancia de proporcionar unha alimentación equilibrada aos nosos nenos e nenas dende unha idade temperá, porque ensinarlles a comer ben dende pequenos e pequenas, inculcando hábitos alimenticios sans beneficiará a súa saúde ao longo de toda a súa vida. Cremos que este proxecto contribuirá de xeito significativo ao benestar da nosa rapazada e á promoción dos e das empresas produtoras locais”.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o orgullo do Concello por colaborar estreitamente no proxecto Rede EcoComedores. “Queremos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas en todos os aspectos e a alimentación saudable é un piar fundamental deste compromiso. Traballar da man cos centros escolares e apoiar iniciativas que promoven unha dieta equilibrada e o consumo de produtos locais e de tempada é esencial para construír un futuro máis sostible”, recalcou o rexedor.
Todos os produtos empregados para a elaboración dos menús están a ser servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, por exemplo, o pan é do Porriño; a carne do Suído de Fornelos de Montes dun gandeiro con carnicería propia; o pito ecolóxico e o queixo de Redondela; os cereais integrais, o arroz e as legumes da Guarda; a horta e a froita do Rosal e o peixe de Mos.
A Rede EcoComedores é un proxecto de cooperación que busca tecer unha rede para asesorar, promover e formar ao persoal de cociña e responsables dos comedores escolares na elaboración de menús equilibrados e saudables que inclúan produto local, de tempada e ecolóxico. Coordinado polo grupo de desenvolvemento local Mariñas-Betanzos, nesta iniciativa participan Eu Rural e outros oito GDR: Seitura 22, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Terras de Lugo, Asociación Montes e Vales Orientais, GDR Limia-Arnoia e Asociación Condado-Paradanta. Conta tamén coa participación de Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) como entidades colaboradoras,
O proxecto está cofinanciado nun 90% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, en un 10% polas entidades colaboradoras do proxecto.