Esta fin de semana clasificáronse as dúas primeiras parellas nas probas de eliminación para acceder á final do concurso TRIVIUM PORRIÑO que terá lugar o sábado 2 de outubro
Nas dúas eliminatorias celebradas sábado e domingo participaron oito parellas que xogaron no escenario habilitado no parque do Cristo. Na quenda matinal, as gañadoras foron Paula e María. Na quenda de tarde, os gañadores foron Alejandro e David.
Os vindeiros días 24 e 25 celebraranse as dúas seguintes quendas coa participación doutras oito parellas inscritas neste certame que outorgará premios para consumir no comercio e na hostalería locais. 300 € para a parella gañadora; 200 € para segunda e 100 € para a terceira.
“Trivium Porriño”é un xogo similar ao “Trivial” pero personalizado na nosa vila para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre Porriño. Preparáronse 1.500 preguntas sobre O Porriño relativas á historia, xeografía, ciencia e natureza, arte e literatura, deportes e entretemento.
“A infografía do xogo vai centrada no Pan do Porriño e na súa receita como referencia á nova meta acadada coa concesión da Marca Protexida Pan do Porriño”, segundo sinalou Cami Moreira, concelleira responsable.
Organizan a Concellería de Festexos e a OMIX do Concello de Porriño, coa produción de “Especialistas Hípica Celta”. Trátase dunha nova proposta de lecer que se desenvolve na programación das Festas do Cristo.