O Concello do Porriño continúa a realizar distintos traballos de mellora na parroquia de Cans, neste caso por un importe duns 3.000€. Estes días o departamento de Seguridade, que dirixe Orlando Mázquez, ven de rematar a retirada do enreixado que rodeaba o aparcamento situado preto da Rotonda do Can, quitando a malla e os postes e substituíndo os mesmos por un ‘peche’ de árbores.
Ademais ampliouse máis a curva do exterior do aparcadoiro e cubriuse o espazo superior do drenaxe do rego que ven de A Graña, “coma medida de prevención”, posto que había coches que acababan caendo na fochanca que se formara no lugar.
Estas obras son parte das que se comprometerá a alcaldesa, Eva García de la Torre, a realizar na parroquia, logo de manter unha xuntanza,o pasado 11 de abril, con representantes da Asociación de Veciños, e que abranguen, entre outras actuacións, a colocación dun banco no Torreiro- o cal farase nos vindeiros días- as melloras no saneamento, o arranxo das ‘marquesiñas’ e a colocación dunha nova na zona da gasolineira.
Así mesmo, o Goberno Local segue cos preparativos aos que se responsabilizou cos representantes do Festival de Cine de Cans, e o martes pola mañá quedaba colocado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, o ‘Canseto’, que ‘presidirá’ o centro do Porriño ata o remate do certame.
Axiña colocaranse carteis cos debuxos das rapazas e rapaces, que participan no concurso impulsado polo Concello, nos farois da zona peonil; a Concellería de Limpeza rematou o acondicionamento da zona central de Cans, na entrada da Adroza e a beira do Bar Fortes; tamén rozará de silveiras e herbas os camiños por onde transitará o público, a zona da Casa da Mestra, o acceso ao ‘jalpón friki’, o Camiño do cemiterio, Camiño do cruceiro ata o Castillo e o Parque do Río e retirará o ciscallo de baixada ao río.
Do mesmo xeito, a véspera do comezo do festival situará colectores de lixo extra na zona do torreiro, no espazo do río e na nova zona dos nenos.