A concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX do Concello do Porriño continúa apostando por proxectos innovadores para difundir a lingua e cultura galegas entre a nosa comunidade educativa.
Tras o éxito das pasadas edicións, a celebración da III Xuntanza Literaria dará lugar a unha xornada de convivencia e fomento e animación á lectura, favorecendo a inclusión coa participación dos centros educativos do Porriño, ACEESCA, o Centro de Día de Torneiros e a Asociación AFAGA. Intentaremos facelo dun xeito lúdico e utilizando a contorna natural que nos ofrece a parroquia de Torneiros.
O programa para este día está organizado polos/as coordinadores/as das bibliotecas dos centros escolares, coas que o Concello do Porriño colabora.
Os centros participantes nesta III Xuntanza Literaria son o CPR Santo Tomás, IES Pino Manso, Aceesca, CEIPP Fernández López, CPR Hermanos Quiroga, CEIPP Antonio Palacios, IES Ribeira do Louro, CEIP da Cruz-Budiño, CEIPP de Atios, o Centro de Día de Torneiros, a Asociación Afaga e o CEIPP da Ribeira.
O alumnado distribuirase por grupos nos que, ademais da lectura individual, compartirán lecturas grupais de fragmentos de obras galegas. Estas expresións literarias reforzaranse tamén, coa música (outra forma de expresión literaria) que serve para expresar determinados sentimentos e emocións dunha forma máis lúdica e divertida.
Será da man, outro ano máis, de Xoán Curiel, con dous artistas máis en escena, que ofrecerán un concerto interactivo de 50 minutos ao estilo dunha representación teatral; no que pequenos, mozos e maiores, non serán simples espectadores/as senón que participarán desta actividade lúdica e cultural mediante coros e xogos e sempre empregando a lingua galega como ferramenta de traballo.