- Este domingo, 18 de maio, o Pavillón Polideportivo Municipal do Porriño converterase no escenario do Campionato Galego 3×3 U17, unha cita organizada pola Federación Galega de Baloncesto e o Porriño Baloncesto Base, que reunirá 18 equipos das categorías masculina e feminina nunha intensa xornada de competición e espectáculo deportivo.
O Porriño, 16 de maio de 2025.– Esta mañá celebrouse no Concello do Porriño a presentación oficial do Campionato Galego 3×3 U17, que se disputará este domingo, 18 de maio, no Pavillón Polideportivo Municipal. A cita, organizada pola Federación Galega de Baloncesto (FGB) e o Porriño Baloncesto Base (PBB), reunirá aos mellores clubs galegos das categorías masculina e feminina nun evento que se consolida como referente autonómico desta modalidade en auxe.
Na presentación participaron o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, e a presidenta do Porriño Baloncesto Base, Icía Alcalde, acompañada de membros da directiva do club. Tamén asistiu como convidada especial a internacional Ainhoa Gervasini, xogadora da Selección Española 3×3 e actual integrante do Cadí La Seu da Liga Feminina 1, que se atopa adestrando estes días no propio pavillón porriñés.
Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou: “Para O Porriño é un orgullo ser sede deste campionato galego. Supón un recoñecemento ao traballo que se vén facendo desde hai anos no deporte base, e moi especialmente no baloncesto. Estamos ante unha auténtica festa do deporte galego, que converterá ao noso concello no epicentro do baloncesto 3×3 durante toda a xornada dominical.”
O campionato contará coa participación de 18 equipos (12 masculinos e 6 femininos) e 72 xogadores e xogadoras, representando aos clubs máis destacados do baloncesto galego. A actividade desenvolverase desde as 10:20h ata as 19:00h, incluíndo a disputa das finais ás 18:15h (feminina) e 18:30h (masculina). Ao remate, terá lugar a entrega de trofeos coa presenza das autoridades locais e federativas.
Os dous finalistas de cada categoría obterán praza directa para o Campionato de España 3×3 U17, que se celebrará en Cuenca do 13 ao 15 de xuño, representando a Galicia no escenario nacional.
Foi o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, quen puxo en valor o crecemento desta disciplina e a elección do Porriño como sede: “O 3×3 é unha modalidade que está a medrar a pasos de xigante, tanto a nivel competitivo como no ámbito do espectáculo. Desde a Federación queremos impulsar este formato, achegalo aos concellos e promover competicións como esta, que permiten visualizar o talento da nosa mocidade e a capacidade organizativa dos clubs galegos. O Porriño é un exemplo de compromiso co deporte, e sabemos que será unha gran sede para este evento.”
A organización conta co apoio do Concello de O Porriño, a FGB, e a colaboración de entidades como Gadis, Eurobanan Galicia e Giga A Fitofort.
Dende o Concello faise un convite aberto a toda a veciñanza para asistir e desfrutar dunha xornada de deporte, espectáculo e convivencia ao redor do baloncesto.