O Concello do Porriño acollerá dúas importantes charlas formativas sobre saúde mental os vindeiros 3 e 24 de abril, ás 18:30h, na Sala de Comunicacións do propio Concello. As sesións, organizadas polo Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos de España e coa colaboración do Concello do Porriño, estarán impartidas pola farmacéutica local, Dª Celia Diz Rodríguez.
Estas charlas teñen como obxectivo mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación rural, facendo especial fincapé no autocoidado e no papel fundamental que desempeñan os coidadores no tratamento da saúde mental.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia destas sesións para o benestar da cidadanía: “A saúde mental é fundamental para o benestar persoal e colectivo, e a colaboración con profesionais como Celia Diz Rodríguez permite sensibilizar á poboación e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
Pola súa parte, a farmacéutica Celia Diz Rodríguez detallou o contido das charlas:
“A primeira sesión, o 3 de abril, está dirixida á cidadanía en xeral e falarase sobre o benestar emocional, os problemas de saúde mental, os estigmas e os mitos falsos ao redor destas enfermidades, así como a importancia da terapia e a adherencia ao tratamento. Na segunda sesión, o 24 de abril, abordaremos a figura do coidador, a súa importancia no proceso terapéutico e as mellores prácticas para apoiar aos seus seres queridos.”
Estas formacións teñen como obxectivo non só mellorar a saúde mental dos participantes, senón tamén promover o papel do farmacéutico como axente clave no ámbito asistencial e no apoio á saúde mental da poboación.
As sesións informativas son de acceso libre e están abertas a todos os interesados en mellorar a súa comprensión sobre a saúde mental e o autocoidado.