O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, reuniuse hoxe coa deputada de Infraestruturas e Mobilidade, Isabel Couselo, para abordar os avances no proxecto de construción dunha nova senda peonil no Casal e en Cerquido, en Budiño, unha demanda histórica da veciñanza da parroquia. O proxecto atópase moi avanzado pendente só de concretar a ficha de cesións para proceder á súa tramitación.
O rexedor, Alejandro Lorenzo, explicou que “é unha obra moi necesaria para garantir a seguridade peonil nesta zona tan transitada e para min é moi importante dar unha resposta o máis rápido posible”. O alcalde apuntou que “o proxecto está moi avanzado e pendente só de concretar a ficha de cesións para proceder á súa tramitación”.
A senda peonil transcorrerá por un tramo de 1,2 km da EP- 2405, unindo a rotonda de entrada do PPI-7 no Casal e a rotonda de acceso á antiga nacional e á autovía, no Cerquido e terá un ancho mínimo de 1,8 m.
A senda peonil demandada en Torneiros tamén terá resposta
Na súa xuntanza de traballo, abordouse outra das grandes demandas da veciñanza do Porriño, concretamente da de Torneiros. Trátase da construción dunha senda peonil de aproximadamente 700 m de lonxitude que una a Igrexa de San Salvador coa Relva, na EP-2402. “Un proxecto no que xa traballamos ambas administracións e que tamén terá resposta en breve espazo de tempo”.