15 persoas maiores de 55 anos do Porriño participaron nunha nova edición do programa de prevención do deterioro cognitivo “Cultiva a mente”, organizado polo Concello do Porriño e Afaga, que se clausurou hoxe no Centro Sociocomunitario do Porriño.

Estas xornadas están dirixidas a previr a demencia e á súa detección precoz, así como á promoción de hábitos saludables a nivel cognitivo e emocional. Están impartidas por unha psicóloga con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo e durante o curso se traballan diferentes aspectos como o envellecemento activo, a promoción das relación sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e orientación.

Os e as participantes recibiron un diploma acreditativo entregado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, que os recibiu esta mañá no último día do curso, acompañado polo presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e concelleira de Política Social, Teresa Veloso.

A idade non é un problema. O único problema é a vulnerabilidade e a falta de relación social

Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga

As clases semanais de 2h os luns retomaranse en setembro co principio do curso escolar. Juan Carlos Rodríguez, salienta que “hai que vivir con calidade. En Afaga creamos e ensinamos ferramentas para poder socializar e estar activos. A idade non é un problema, o único problema é a vulnerabilidade e a falta de relación social. Se conseguimos relacionarnos entre todos e conseguimos estar activos emocional, cognitiva e físicamente, estamos vivindo anos de calidade”.