• O pavillón municipal acollerá a participación de 17 agrupacións nun evento que pecha a programación de Nadal e que contará cun pasarrúas previo polo centro urbano 

O Porriño, 8 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrará este domingo, 11 de xaneiro, unha nova edición do seu emblemático Certame de Rondallas, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio que supón o broche final á programación de Nadal, desenvolvida durante máis dun mes e pensada para públicos de tódalas idades e gustos.

O pavillón municipal de deportes será o escenario no que 17 agrupacións de distintos puntos da comarca ofrecerán as súas actuacións, nun evento que tradicionalmente completa aforo e que destaca pola alta participación e pola resposta do público.

Tal e como recolle o regulamento do certame, cada rondalla disporá dun máximo de 12 minutos para a súa actuación. O tempo comezará a contabilizarse coa interpretación da primeira peza e rematará cando o último compoñente abandone a pista.

Nesta edición participarán, por orde de actuación, a Rondalla Santa Eulalia (Mos), a Rondalla de Ventosela (Redondela), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui), a Rondalla Airiños da Lagoa de Baíña (Baiona), a Rondalla do CSCR de Beade (Vigo), a Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns (Vigo), a Rondalla Asociación Centro Veciñal e Cultural de Valladares (Vigo), a Rondalla da SCDR Helios de Bembrive (Vigo), a Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla da Asociación de Veciños do Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Asociación Rondalla Club Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla da Asociación Cultural, Social e Veciñal de Herville (Mos), a Rondalla da Asociación Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) e a Rondalla Santiago de Parada (Mos) xunto ás formacións anfitrioas: a Asociación Cultural e Musical Rondalla de Pontellas, a Rondalla Santa María do Porriño e, pechando o certame, a Rondalla Santa Eulalia de Atios.

O certame dará comezo ás 17:00 horas, aínda que previamente, se a climatoloxía o permite, celebrarase un pasarrúas polas rúas do centro urbano. As agrupacións sairán de maneira simultánea ás 16:15 horas desde o Centro Cívico, San Benito, a praza Central e a avenida de Galicia.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “o Certame de Rondallas é un evento plenamente consolidado que ano tras ano volve demostrar o seu éxito, cun pavillón municipal que sempre completa aforo e cun público entregado”. O rexedor destacou tamén que “esta cita pon de manifesto que a tradición das rondallas está máis viva ca nunca, gracias ao traballo das agrupacións e á implicación da veciñanza, e supón o broche de ouro a máis dun mes de programación de Nadal pensada para todas as idades”.

A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, coa apertura de portas prevista para as 16:00 horas. Ademais, o evento poderá seguirse en directo a través das redes sociais do Concello do Porriño.