A Xunta de Galicia acabou os traballos de restauración do templete de San Luis no Porriño, tras un investimento de máis de 260.000 euros para recuperar a obra do arquitecto Antonio Palacios que foi acceso á primeira liña da rede de Metro de Madrid e que se trasladou a este concello no ano 1970. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a visita a este ben coincidiendo co aniversario do nacemento do urbanista en 1874.

Tal e como destacou o responsable de Cultura do Goberno galego, con esta actuación “recupérase para a súa merecida posta en valor unha obra emblemática dunha figura imprescindible e de referencia, tanto na arquitectura como no urbanismo de Galicia e España”, enxalzou.

Así mesmo, o conselleiro enmarcou esta intervención das accións que se están a levar a cabo na preservación de obras do prestixioso arquitecto e tamén encadrou a restauración do templete de San Luis dentro do compromiso da Xunta de “conservación, mantemento e posta en valor dos nosos bens patrimoniais para que sigan contando a nosa historia ás novas xeracións”.

Pola súa banda, o alcalde sinalou “que é un pracer visitar estas obras do Templete de San Luis, unha das máis importantes que ten o noso concello, e o feito de que poñamos en valor como nunca a figura do noso ilustre arquitecto con toda unha programación de actos nos que se enmarca esta obra é importante”. Lorenzo apuntou que “a obra está sen rematar e poder inauguralo co parque completo”.

Posta en valor dentro do Camiño Portugués

As obras buscaron acadar un espazo axeitado co obxecto de “mellorar a súa presenza no lugar e pór en valor a peza, ao tempo que se lle devolve o seu carácter arquitectónico”. Ademais, precisou que se repararon os danos nos elementos constructivos cunha cuberta e cun chan que facilite a súa conservación.

O conselleiro salientou o feito de que o templete está situado na entrada do Camiño Portugués ao seu paso polo Porriño, “razón pola que se tivo en consideración o seu emprazamento singular á hora de definir a intervención”, destacou.

O proxecto completouse cunha cuberta para protexer ao edificio das inclemencias meteorolóxicas e dar acubillo a posibles actividades, coa instalación dun elemento de vidro semellante ao cartel orixinal da parada do Metro e a incorporación cun novo sistema de iluminación de presenza e ornamental. Por último, co fin de axudar a entender á veciñanza e visitantes o que foi esta edificación, reflectiuse no despece do pavimento e marcouse a proxección da antiga marquesiña cun cambio de textura.

Construído en 1919

O templete foi construído en 1919 por Antonio Palacios para acceder á estación de Metro na Gran Vía en Madrid. Está incluído no proxecto que lle encargou en 1917 a Compañía Metropolitana e que comprendía o deseño e a decoración de todos os espazos interiores e exteriores da liña Sol-Ventas.

A construción orixinal contaba cun ascensor no seu interior que quedou en desuso despois de colocarse as escaleiras mecánicas. Isto acelerou a súa desmontaxe en 1970. Foi posteriormente enviado ao Porriño por ser a cidade natal do arquitecto, despois de varias alternativas para a súa localización en Madrid e na actualidade está colocado no Campo da Feira.