• Combinación de música, baile e gastronomía para abrir a VII Feira do Pan do Porriño, que se celebra ao longo de toda a xornada de hoxe na Praza Arquitecto Antonio Palacios
  • O alcalde Alejandro Lorenzo foi o encargado de inaugurar o evento no que se homenaxea máis de catro séculos de historia e tradición panadeira

O Porriño, 11 de outubro de 2025.-  A VII Feira do Pan do Porriño deu comezo esta mañá cun ambiente cheo de emoción, tradición e orgullo local. A praza Arquitecto Antonio Palacios converteuse no escenario perfecto para acoller unha apertura marcada pola cultura e a memoria colectiva, coa representación da “Regueifa de voda”, unha antiga danza galega que simboliza a unión e a celebración, e na que o Pan do Porriño ocupou un lugar central.

A posta en escena estivo a cargo da Asociación Cultural Sadeo, que fixo un percorrido pola tradición galega recuperando unha das expresións máis simbólicas do noso folclore: unha parella bailando mentres a bailadora porta sobre a cabeza unha bola de Pan do Porriño, nun xesto cargado de simbolismo e identidade. Antano, e na actualidade tamén, se a bola caía ao chan era sinal de agoiro para a parella. A regueifa bailada foi recollida en San Salvador de Pedreiro, Santa Comba, polos artistas Xisco Feijoó e Leni Pérez. A danza, acompañada por dúas pandereteiras, sorprendeu ao público asistente e serviu como inicio perfecto para unha xornada na que o pan é moito máis que alimento: é historia viva.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de inaugurar a feira poñendo en valor o significado desta feira e, especialmente, a profunda tradición panadeira do municipio que comezou no século XVII coas fábricas de pan para abastecer ao exército da antiga provincia de Tui. “O Pan do Porriño non é só un produto, é parte da nosa historia e da nosa forma de entender a vida. Temos un pan que conta con máis de catro séculos de historia, documentado desde 1604, e iso é un patrimonio que debemos protexer e dar a coñecer. Gracias aos nosos panadeiros e panadeiras por manter vivo este oficio, por seguir elaborando un produto artesán que nos representa dentro e fóra de Galicia. Eles son os verdadeiros gardiáns desta tradición que hoxe celebramos”. O rexedor destacou que eventos coma este serven para “reforzar a nosa identidade e proxectar O Porriño como un destino que sabe a tradición, hospitalidade e boa mesa” e tamén agradeceu a colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), da Consellería do Medio Rural, representada no acto por Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria.

Acto seguido, o público puido desfrutar dun showcooking con degustacións da man da recoñecida cociñeira Coque Fariña, que elaborou receitas a base de Pan do Porriño, poñendo en valor a súa versatilidade e calidade. Dende ás 13.30 horas estase a celebrar a tradicional feira e xantar popular de polbo e porco ao espeto, amenizada polo DJ Mus e xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, chega a quenda dos máis pequenos da casa co obradoiro “Peque Pan”, onde, ataviados para a ocasión con mandil e gorro, aprenderán de forma divertida o proceso de elaboración do pan. Ás 18.30 horas realizarase a degustación “Experiencias de Calidade”, con produtos con Denominación de Orixe de Galicia, da man de Salomé Beiroa, actividade patrocinada por AGACAL. A xornada pecharase ao serán coa música en directo do grupo La Patrulla.

Ademais, ao longo de toda a xornada permanece aberto ao público o posto de venda da Asociación de Panadeiros do Porriño, onde se poden adquirir bolas de Pan do Porriño, exemplo perfecto do saber facer artesán local.

“Queremos que esta feira siga medrando, que cada vez máis xente descubra o Pan do Porriño e todo o que representa. Esta non é só unha festa, é unha homenaxe ao noso pasado e un compromiso co futuro”, concluíu o alcalde.