• A actuación conta cun investimento de case 275.000 euros para financiar contratacións cunha duración de nove meses

Porriño 9 de marzo de 2026.– O Concello do Porriño impulsa a contratación de 15 persoas desempregadas a través da liña de Activación do Emprego do Programa + Provincia da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa permitirá reforzar diferentes servizos municipais e crear novas oportunidades laborais no municipio.

A actuación conta cun investimento de case 275.000 euros, financiados pola Deputación de Pontevedra e cofinanciados polo Concello do Porriño, destinados á contratación de persoal durante nove meses para apoiar o funcionamento de distintos departamentos municipais. As incorporacións permitirán reforzar os departamentos de obras e mantemento coa chegada de profesionais de diferentes especialidades, entre eles oficiais de carpintería, albanelaría, palistas e operarios de obra, que realizarán tarefas de conservación de infraestruturas e espazos públicos. Ademais, contrataranse peóns forestais para traballos de roza, limpeza e acondicionamento de terreos, así como un auxiliar administrativo para o departamento de Cultura.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este programa permítenos reforzar servizos municipais ao tempo que ofrecemos novas oportunidades laborais a persoas do noso municipio”. “Trátase dunha iniciativa moi importante porque combina a mellora dos servizos públicos coa activación do emprego local, algo fundamental para seguir avanzando como concello”, engadiu o rexedor.

As persoas interesadas en participar no proceso de selección deberán estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. Para máis información, poden dirixirse ás oficinas de Porremprego, onde se facilitará o código de ocupación correspondente.

Este reforzo dos servizos municipais complétase ademais coa recente incorporación de sete operarios de obras e servizos como funcionarios de carreira, que pasan a ocupar prazas estruturais nas áreas de Vías, Obras e Servizos Básicos e Deportes, consolidando así o persoal municipal destinado ao mantemento e funcionamento das instalacións e infraestruturas locais.

Deste xeito, o Concello do Porriño continúa reforzando os servizos municipais combinando a incorporación de persoal estrutural coa posta en marcha de programas de emprego que permiten apoiar diferentes áreas municipais e ofrecer novas oportunidades laborais a persoas demandantes de emprego.