O Porriño, 30 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño vén de publicar as bases reguladoras para a convocatoria das Becas Antonio Palacios 2025, dirixidas ao alumnado do municipio que obtivese os mellores expedientes académicos na PAU.
Con esta iniciativa, O Concello quere recoñecer o esforzo e a excelencia do alumnado de 2º de Bacharelato que acadou as mellores cualificacións na Proba de Acceso á Universidade (PAU). Concederanse un total de 15 axudas de 300 euros cada unha, destinadas a apoiar os estudos universitarios do alumnado con mellores resultados. A selección do alumnado realízase atendendo a unha nota igual ou superior ao 8,5 na fase xeral da PAU.
Mañá ábrese un prazo de 15 días hábiles para que as persoas interesadas presenten a súa solicitude a través do Rexistro do Concello, xunto coa documentación requirida, que se detalla nas propias bases.
Accede ás bases na siguente ligazón:
BASES BECAS ANTONIO PALACIOS 2025
A entrega simbólica destas becas terá lugar nun acto institucional no Concello do Porriño nos vindeiros días, co obxectivo de homenaxear ao alumnado galardoado e poñer en valor o papel dos centros educativos e das familias no proceso formativo. As becas levan o nome de Antonio Palacios, arquitecto porriñés de renome, como símbolo do compromiso do Concello coa cultura, o coñecemento e a formación.
O Concello do Porriño continúa así a súa aposta decidida pola educación de calidade e polo apoio ás novas xeracións como base do desenvolvemento social e persoal do municipio.