O Porriño puxo onte o broche final aos festexos do Nadal 22-23 ao son das rondallas. Preto de mil rondalleiros e rondalleiras de dez agrupacións do Porriño, Mos, Tui, Nigrán e Gondomar puxeron en pé ao público que ateigou o pavillón municipal, que colgou o cartel de aforo completo.
 
Participaron a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.
 
O certame foi retransmitido en directo a través das redes sociais do Concello do Porriño, onde contou cun nutrido número de espectadores virtuais, alcanzándose as 5.000 visualizacións.
 
Ante a gran afluencia coa que conta este evento, para que todo se desenvolvera sen incidencias habilitouse o pavillón 2 do polideportivo municipal para que os rondalleiros e rondalleiras que participaban puideran seguir dende alí o certame a través de dúas pantallas con emisión en directo mentres tomaban un chocolate quentiño.