- O Porriño pecha con éxito a novena edición da festa dos seus Xogos Olímpicos
O Porriño, 14 de xullo de 2025.- A novena edición de Porrigalia clausurouse onte cun gran éxito de participación. O Concello do Porriño estima que preto de 9.000 persoas asistiron durante o sábado 12 e domingo 13 de xullo a esta festa única, que combina humor, historia e deporte nun ambiente festivo e familiar.
Durante a fin de semana, maiores e pequenos participaron nas probas olímpicas ao estilo clásico, entre as que destacaron: xogo da soga, salto de lonxitude, salto de altura, carreira de 50 metros, lanzamento de peso, loita antiga, carreira de sacos e as carreiras de carretillas.
As civilizacións participantes competiron entre si nun ambiente de diversión. O gran desfile olímpico de 9 comparsas — con máis de 150 romanos, castrexos, exipcios, gregos e galos — percorreu as rúas do Porriño, encabezado pola Garda Romana (Legio X Gemina do Club Falcata). Figuras destacadas como Tonhito de Poi e o Rei Castrexo Pepo Suevos, quen destronou ao alcalde durante os días de festa, tamén participaron no desfile. No acto do acendido da chama olímpica, o influencer Miguel Mandayo pronunciou o pregón oficial e competiu nas probas deportivas fronte ao propio alcalde, Alejandro Lorenzo.
Preto de 1.100 persoas participaron en total nas diferentes probas olímpicas e na competición infantil Gladiator Kids, consolidando o evento como unha das citas deportivas e festivas máis importantes da comarca.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia desta celebración que vai cumprir dez anos: “Para o ano que vén, 2026, Porrigalia cumpre 10 anos de historia. Non son 10 anos celebrados de maneira continua, senón que é unha festa que comezou no ano 2014, paralizouse en varias ocasións e agora foi recuperada para quedarse definitivamente”. O rexedor engade: “Para o vindeiro ano imos facer historia da de verdade”.
Entre os momentos máis destacados estiveron a proba infantil Gladiator Kids, na que participaron máis de 300 nenos e nenas de 3 a 10 anos, demostrando habilidades nos circuítos de 500 e 800 metros instalados na praza 8 de Marzo; así como a exhibición deportiva CrossGalia, unha sesión espectacular de Crossfit celebrada na praza do Concello. O mimo Karcocha, o arlequín contemporáneo que percorre o mundo enteiro, reuniu a milleiros de persoas durante o seu espectáculo. Non faltou a gran queimada, que correu a cargo do Rei Panoramix, e tampouco a entrega do bastón de mando que se realizou da man de Troula Animación co espectáculo Errantes.
Ademais, foron moi populares as actividades complementarias, como as exhibicións de voos de cetraría; o showcooking en directo, a cargo do cociñeiro Xulio Mato; e a constante animación na rúa con charangas e batucadas como Anchoa, Lenha Verde, Miúdos, Fanfarria Furruxa, Os Caliqueños, Turres Band, Sacacorchos e Os Vikingos. A música foi un dos piares do evento, cunha programación que incluíu concertos de bandas como Pink Porris, Kabrönes, Os Mendigos, Louband, Hijos del Tercer Acorde e Ortiga, ademais de sesións de DJ para pechar cada xornada. A programación musical incluíu tamén concertos pensados para o público infantil, con actuacións de Brais das Hortas, a Orquestra de Camarote e o Grupo Oviravai.
Desde o Concello do Porriño, faise unha valoración moi positiva deste evento que xa forma parte da identidade cultural e deportiva da vila, agradecendo a participación da cidadanía e o traballo de todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes, hostaleiros, persoal municipal e voluntariado que fan posible que Porrigalia siga a medrar e consolidarse como unha festa para todas as idades e gustos.