A primeira edición da obra “A cámara escura”, de José Luis Baños, gañadora da III edición do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, realizada pola Editorial Galaxia, presentouse hoxe no Concello do Porriño.
A concelleira de Educación, Lourdes Moure, actuou como anfitrioa do acto xunto co autor, José Luis Baños, e acompañada por Francisco Castro, director xeral da editorial e Raquel Castro, secretaria do xurado permanente do certame.
O premio está instituído pola Editorial Galaxia e o Instituto Ribeira do Louro do Porriño e o Concello do Porriño é o patrocinador cunha achega anual de 2.000 euros.
José Luis Baños, o autor galardoado en 2020, reivindicou “a importancia deste premio por promover a escrita teatral para adolescentes, que vén cubrir un oco que existe entre o teatro familiar e que xa se centra nos adultos”.
A profesora Raquel Castro, secretaria do xurado, valorou que o texto de José Luis Baños “presente un rexistro de linguaxe urbana próximo á mocidade”. Engadiu que “esperamos que poida representarse en escea, unha vez que saiamos das restricións actuais”.
Francisco Castro, director xeral da “Editorial Galaxia”, agradeceu o compromiso de gobernos municipais como o Concello do Porriño no apoio á cultura. “Necesitamos políticos que, como sucede aquí no Porriño, con vostede Lourdes, sexan cómplices da cultura”. Francisco Castro lamentou que “mentres os estancos están abertos desde o primeiro día do estado de alarma, como servizo esencial, as librarías teñen que pechar”, segundo reclamou o director da editorial.
Por último, Lourdes Moure, afirmou que “mentres eu estea a cargo destas responsabilidades públicas como concelleira de Educación, o Concello do Porriño manterá o seu apoio a este premio”. “Dende o primeiro momento tiven claro que o noso deber como administración pública era estar ao lado dunha iniciativa tan lúcida e á vez tan centrada na nosa mocidade”, concluíu Moure Varela.