A Feira do Libro do Porriño será a terceira que se celebra este ano na nosa comunidade e a primeira que terá lugar nun concello da provincia pontevedresa. O evento porriñés que cumprirá a súa quinta edición volverá ás rúas da nosa vila despois dun ano de parón forzoso pola pandemia.

Este mediodía celebrouse na Biblioteca Municipal a presentación en roda de prensa, coa asistencia de Cami Moreira, concelleira de Cultura; Victoria Alonso, deputada provincial delegada de Cultura e Carlos Blanco, da directiva da Federación de Libreiros de Galicia.

O representante do sector manifestou “o noso agradecemento ao Concello do Porriño, á Deputación e á Xunta de Galicia polo seu esforzo para retomar a celebración destas citas feriais que nos relanzan”.

Victoria Alonso felicitou aos organizadores “por sacar adiante estas feiras neste ano complexo” e “por darlle un contido a maiores contando coa presenza de autoras e autores nos stands e poñer en valor a importancia do sector e de seguir mercando libros”.

A deputada delegada de Cultura lembrou que “Deputación estará presente cun stand sen actividade mercantil, tan só vai ser un espazo expositivo onde teremos as publicacións nas que colaborou a institución provincial e para amosar a nosa programación cultural”.

Pola súa banda Cami Moreira reivindicou que a Feira do Libro do Porriño “contribuirá a visibilizar a esas escritoras que moitas veces están ao marxe e hai que facer porque sexan coñecidas e recoñecidas pola súa valía”.

A concelleira de Cultura expresou que “estamos moi contentos de ter nesta edición como pregoeiro a Juancho, un autor novel porriñés que ademais presentará e firmará o seu libro ‘Na procura do medo esquecido’”.

Por último, Moreira Fontán celebrou que eventos como a Feira do Libro do Porriño “fai que poidamos restablecer a nosa vida social, hábitos como o de mercar libros e polo tanto permite pasear polas rúas”, engadiu.

A Feira que se inaugurará o xoves 27, contará con cinco stands que se ubicarán na rúa peatonal fronte ao Concello e rematará o domingo 30 de maio.