O ciclismo da bisbarra volverá ás estradas cunha competición como a “Challenge Rías Baixas” que neste ano 2021 vai cumprir a súa quinta edición, coa organización do club “Master da Louriña”. A proba terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio, cando o Goberno Central ten previsto que decaia o estado de alarma e que se alivien moitas das restricións que aínda temos hoxe.
En 2020, a “Challenge” celebrouse nas súas datas habituais de finais de febreiro, é dicir antes da declaración da pandemia.
O vindeiro xoves 29, ás 12 horas, terá lugar na praza do Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello do Porriño, a presentación da edición deste ano nunha roda de prensa na que participará David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño xunto cos seus homólogos dos concellos de Ponteareas e Mos xa que cada un destes concellos albergará unha etapa da “Challenge”. Á presentación tamén asistirá Gorka Gómez, deputado de Deportes, no nome da Deputación Provincial.