40 rapazas e rapaces, de entre 4 e 18 anos, integran o Avanza-Concello do Porriño, noco club de ciclismo que terá coma principal patrocinador ao Concello do Porriño

A alcaldesa, Eva García de la Torre e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, presidiron este venres, na Praza de Antonio Palacios, a presentación da ‘Asociación Deportiva Avanza-Concello do Porriño’ de Ciclismo, que, coma sinalou Manuel Carrera, “recupera, logo de moitos anos, una escola de ciclismo para O Porriño”.

A nova asociación, que terá coma principal patrocinador-entre os once que colaboran coa mesma- ao Concello do Porriño, está integrada por máis de 40 rapazas e rapaces de entre 4 e 18 anos de idade, que estarán formadas e formados por dous estupendos adestradores e excelentes deportistas, Luis Fernández Oliveira e Abel Maceira.

O presidente de Avanza-Concello do Porriño, Miguel Ángel García, subliñou que a finalidade é, en primeiro lugar que “as nenas e nenos gocen co ciclismo e que aprendan os valores que este deporte vailles transmite e que serán unha base esencial da súa formación coma persoas”.

Así mesmo, García indicou que estas es estes pequenas e pequenos deportistas, competirán en cadetes, infantís, alevíns, principiantes e promesas, en probas coma o Campionato de Galicia en Ruta, rallye ou Mini BTT, empezando o vindeiro día 28 de maio, no Velódromo do Porriño, nunha proba de Mini BTT organizada polo propio Avanza-Concello do Porriño.

O concelleiro de Deportes, e o ciclista máis salientable da historia do Porriño, Manuel Carrera amosouse emocionado e “moi orgulloso” polo feito de que este equipo empece con “tanta forza e tantos azos”.

Carrera, dirixíndose ás cativas e cativos, sinalou que “empezades un traballo que os marcará para sempre: se algún de vós chega a ser ciclista profesional será unha alegría, pero o máis importante é que aprenderedes valores coma o compañeirismo, a solidariedade, a deportividade, a amizade ou o traballo en equipo”.

O concelleiro lembrou que outro grande equipo do Porriño, o Spol, formou durante medio século a infinidade de deportistas, “coma moitos de nós, que chegamos a participar na Volta a España ou no Tour de Francia, e estou encantado e feliz de que volvamos a ter unha escola de ciclismo que permita ter grandes corredores de novo. Hoxe é un día moi importante para o noso deporte, para o deporte do Porriño”.

Pechou o acto a alcaldesa quen se dirixiu de xeito especial ás corredoras do Avanza- Concello do Porriño ás que cualificou de “pioneiras” ao tempo que amosou o orgullo que os porriñeses teñen polos seus deportistas, e felicitou a todos os integrantes do club “parabéns pola vosa ilusión, é algo moi importante porque é algo que da o deporte, algo que fai que os deportistas se enfronten á vida dun xeito distinto e especial”.