O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co benestar animal e o control ético das colonias felinas, apostando polo método CES (captura-esterilización-solta) para controlar a poboación de gatos rueiros e mellorar a súa saúde.
Co obxectivo de garantir a mellor e máis eficaz prestación deste servizo, a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, saca a licitación o coidado das colonias felinas, cun orzamento de 23.837 euros anuais.
“O noso obxectivo é principalmente que os nosos gatiños rueiros estean controlados, nun bo estado de saúde, e esterilizados para frear o incremento dos individuos de cada colonia. Esta non é unha tarefa fácil e entendemos que unha protectora ou empresa especializada poderá dar o servizo necesario para que os animais vivan o mellor posible e tamén mellorar a súa convivencia coa veciñanza. Seguiremos contando coa axuda dos voluntarios e voluntarias, e as diferentes asociacións e protectoras, que fan unha grandísima labor cada día”, afirma Antía Carrera, concelleira de Medio Ambiente. “Eso sí, deberán estar dados de alta como voluntarios no Concello”, recorda a edil.
Pola súa banda, Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, engade que “mantemos o noso compromiso co benestar animal. É fundamental seguir a regulación ao respecto para conseguir un control ético da poboación felina en liberdade como tamén o é sensibilizar á veciñanza contra o maltrato animal e o abandono”.
Control e atención veterinaria
A contratación proposta polo Concello contempla que será a adxudicataria que se encargue da captura e esterilización quirúrxica de machos e femias, a posta de microchip, a marcaxe dos animais, e a atención veterinaria dos felinos rueiros enfermos para, deste xeito, intentar conseguir a estabilización do número de individuos en cada colonia e asegurar o seu benestar. Unha vez esterilizados, volveranse a soltar na súa colonia.
A licitación inclúe tamén a xestión das colonias, o que implica a coordinación cos voluntarios e voluntarias asi como coas protectoras e asociacións en defensa dos animais que colaboran co Concello. Haberá que atender os avisos de existencia de nova colonia ou de recollida e informar periódicamente da situación das colonias.
Os animais socializados serán postos en adopción, segundo o establecido pola normativa de benestar animal.