O día 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, unha festividade que Real Academia Galega institucionalizou dende 1963 ata hoxe.
 
Ademais de honrar cada ano a unha autora ou autor, como acontece este ano coa escritora Luísa Villalta, a festa da lingua é unha data para enaltecer o noso idioma, para seguir normalizándoo e para dinamizalo a toda a cidadanía.
 
Atendendo a esta triple vía, a literaria, a normalizadora e a dinamizadora, o Concello do Porriño, a través das súas concellerías de Cultura e Normalización Lingüística, honra á autora Luísa Villalta cunha carpa monumental coa súa imaxe e os seus versos, que estará presente durante todo o mes na fachada do Centro Cultural Municipal.
 
En canto á normalización da lingua galega, neste caso na súa vertente administrativa, o Concello contribúe coa publicación da Guía de linguaxe administrativa do Concello do Porriño. Trátase dunha ferramenta lingüística coa que perfeccionar o noso coñecemento da lingua e na que consultar todo tipo de dúbidas lingüísticas e correspondencias galego-castelán. Esta guía está xa dispoñible para a veciñanza físicamente na Casa Consistorial e en formato PDF descargable aquí.
 
Por último, O Porriño dinamiza a lingua e a cultura galegas a través da música moderna e actual co concerto do grupo De Vacas, e o seu espectáculo REVOBINA DIVAS LIVE o mesmo día 17 de maio ás 21h na praza Arquitecto Antonio Palacios. Un concerto de música ao vivo en lingua galega e gratuíto para o desfrute de toda a cidadanía como colofón á festa da lingua galega!