Durante os días 23, 24, 25, 26, 27 e 30 deste mes de xaneiro, o Concello do Porriño, por medio da Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Marcelino Coto, súmase á campaña “O que se enchufa recíclase” promovida pola  Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Como sinala o concelleiro, “con esta campaña búscase a concienciación para a reciclaxe de residuos e aparellos electrónicos” , coñecidos como RAEE, a través dos puntos de venda dos mesmos e, ao mesmo tempo, informar dos dereitos e obrigas que que establece a lei tanto a consumidores coma a distribuidores deste tipo de aparellos.

Os aparellos eléctricos e electrónicos son produtos moi complexos, con moitos materiais e distintos tipos de pezas. Nos mesmos pode haber, metais, madeiras, plásticos, cartón ou cristal líquido, por exemplo: un teléfono móbil ten ata 40 tipos de materiais e terras raras que teñen un alto valor.

Por isto último, recuperar eses materiais é un novo xeito de ‘minería urbana’, respectuosa coa contorna, co medio ambiente e que favorece o aforro de recursos naturais.

Coa finalidade de informar ás veciñas e veciños do Porriño de todos estes temas, haberá un posto desta campaña situado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, no que se dará ás persoas que se acheguen unha breve explicación sobre qué son e onde se poden depositar estes aparellos unha vez deixen de funcionar.

As veciñas e veciños que se acheguen a este posto poderán participar nun sinxelo xogo de ruleta grazas ao cal marcharán cun agasallo para casa.