Os datos aportados recentemente polo Instituto Galego de Estadística son concluintes: Porriño é o concello da provincia que mellor recuperación económica presenta nos últimos dez anos. Dende 2009 incrementouse o número de cotizantes á Seguridade Social, presentando a mellor ratio entre os concellos pontevedreses, por riba incluso de Vigo. Asimesmo outros indicadores confirman esa tendencia xa que se incrementou o nivel de renta e tamén medrou a poboación.

En concreto segundo os datos do IGE, O Porriño é o concello da provincia que mellor remontou a crise e conta hoxendía cun 7% máis de cotizantes que hai unha década. Exactamente 7.714 altas máis na Seguridade Social con respecto a hai dez anos.

Por outra banda, según datos obtidos da Renta 2017, os porriñeses incrementaron a súa capacidade adquisitiva. Mentres en 2013 a media de ingresos íntegros anuais era de 15.227 euros, en 2016 declararonse unha media de 16.792 euros anuais. Ademais O Porriño presenta outro indicador moi alentador que tén que ver co aumento da súa poboación. O instituto galego de Estadística salienta que a nosa vila é un dos poucos concellos galegos que medra cun incremento de 2.626 habitantes na última década.