Aerobic, zumba, ximnasia, pilates, teatro, pintura, música e baile tradicionais, coro, playback, acordeón, costura, labores, manualidades, arte floral e incluso poda e enxertos. Así de variada é a listaxe de cursos formativos e de lecer que dende o Concello do Porriño ofrecen ás 16 asociacións culturais e de veciños de todo o termo municipal.
“Adaptámonos ás necesidades e preferencias de cada unha das entidades. Son elas as que elixen que cursos impartir, simplemente o teñen que solicitar e dende o Concello xestionamos a súa posta en marcha, facilitando monitor e materiais”, explica o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.
Trátase do servizo, xa adxudicado, para impartir diversas actividades nos centros socioculturais de titularidade municipal, e que deu comezo fai unhas semanas co inicio das primeiras clases. Unha iniciativa para a cal o Concello do Porriño destina unha partida anual de 180.000 euros. O servizo retomouse o pasado ano 2022 logo de estar paralizado en 2020 e 2021 por mor da pandemia da COVID.
“Son diversos os obxectivos cos que dende o Concello impulsamos estes cursos en todas en cada unha das parroquias e tamén no casco urbano, achegándoos ao máximo á toda a veciñanza, tanto á xente nova como aos maiores”, puntualiza o alcalde Alejandro Lorenzo. Dinamizar as actividades culturais do Concello; fomentar e potenciar a relación con outras persoas e o traballo en grupo; potenciar a capacidade creativa, facilitando sempre os medios e ferramentas; posibilitar a adquisición de técnicas instrumentais e habilidades básicas no tempo de ocio e impulsar accións formativas, culturais e de desenvolvemento artístico e persoal son os fins desta iniciativa.