O vindeiro xoves 8 de outubro, o Concello do Porriño acollerá unha xuntanza de alcaldes e alcaldesas dos 16 concellos que teñen entre os seus veciños, traballadores afectados polo risco de peche da empresa “Maderas Iglesias”. Reuniranse co comité de persoal da factoría que actualmente ten 148 operarios, na súa meirande parte mulleres.
O goberno municipal e concelleiros dos restantes grupos políticos da Corporación porriñesa reuníronse hoxe co comité de empresa de “Maderas Iglesias” no salón de sesións, ao remate da manifestación que os traballadores realizaron dende a factoría ata a praza do Concello.
Ademais de convocar a devandita reunión de alcaldes e alcaldesas para o 8 de outubro, os grupos políticos da corporación porriñesa comprometéronse a trasladar aos seus deputados no Parlamento de Galicia este asunto para demandar explicacións do Conselleiro de Economía e Industria. Tamén, Pedro Pereira, en condición de alcalde accidental manifestou que solicitará unha reunión urxente co director do IGAPE (Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica) para instar a súa intervención para evitar o peche de “Maderas Iglesias”.
Paralelamente os sindicatos e o comité de empresa da firma anunciaron que continuarán con máis mobilizacións. “O vindeiro mércores día 7, os traballadores de Maderas Iglesias nos trasladaremos ata Vigo, diante da delegación territorial da Xunta de Galicia e se temos que ir cara a Santiago, faremo-lo”, manifestou Vicente Molares, voceiro do comité.