Esta fin de semana rematará a competición autonómica de balonmán feminino na categoría xuvenil coa celebración da Final a Catro ou “Final Four” que acollerá o Polideportivo Municipal de O Porriño.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación, no propio pavillón municipal, no que participaron o concelleiro de Deportes, David Alonso; o xefe provincial de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides; e unha representación da xunta directiva da Federación Galega de Balonmán, encabezada polo seu presidente, Bruno López Molina.
A “Final a Catro” xuvenil feminina terá lugar no Pavillón Municipal de O Porriño durante a fin de semana e os partidos do domingo serán retransmitidos por streaming da Federación Galega de Balonmán. O sábado pola mañá celebraranse as semifinais. O partido Calfrima Carballal – SAR Ledisson comezará ás 10:00 horas e o Balonmano Porriño – U.B. Lavadores está previsto para as 12:00 horas. Ao día seguinte celebraranse, nos mesmos horarios a loita polo terceiro posto e a continuación, a gran final. Nesta oportunidade, todos os partidos serán transcendentes xa que hai tres prazas en xogo para a participación na fase estatal, polo que o partido polo terceiro posto terá unha enorme importancia.