Carla Martínez Saborido, veciña do Porriño, obtivo un 13,92 sobre 14 na ABAU celebrada os días 4, 5 e 6 de xuño, a mellor nota de Galicia, a terceira mellor nas asignaturas troncais cun 9,92 sobre 10. Carla, xunto cos seus pais, foi recibida esta mañá na Casa Consistorial polo alcalde, Alejandro Lorenzo, que lle deu un obsequio en recoñecemento á súa excelencia educativa.

Carla estudou Bacharelato no centro educativo Los Sauces, no que conseguiu Matrícula de Honra en 1º e 2º na modalidade de Social. Agora o seu futuro inmediato está en Ourense, onde comezará o grao en Relacións Internacionais, da UVIGO, para intentar ser diplomática nalgún país de Europa ou traballar no Parlamento da UE.

A súa disciplina axudou a Carla a levar o curso ben desde o primeiro día. Ao salir das clases, descansaba un pouco e xa estudaba ata a hora de cear. Sabía que, entre o traballo das clases e o repaso diario na casa, podía conseguir unha boa nota. Desde o principio de curso practicaron os modelos de exames da ABAU e non foi demasiado nerviosa ás probas, aínda que “galego era a materia que menos dominaba, e foi o primeiro exame. Nunca pasara dun 9 nas clases e a miña sorpresa foi que tiven un 9,25 na ABAU. Despois dese exame, xa estaba máis tranquila”.

“Non son de saír moito, pero os venres quedaba cos meus amigos e algún que outro fin de semana. Non todo é estudar, pero sí que hay que estar moi concentrado”, engade Carla.

O alcalde desexoulle “toda a forza para seguir adiante co seu propósito, que non é carreira fácil, aínda que está claro que conta con moito tesón e cualidades para chegar a onde queira. Aquí, no Porriño, ten a súa casa e sempre a recibiremos con agarimo e orgullo”.

Carla Martínez, mellor nota da ABAU en Galicia, cos seus pais e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo