O obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica”, impulsado polo Concello do Porriño co apoio da Xunta de Galicia, chegou hoxe ao seu fin. A actividade permitiu a formación de 20 persoas desempregadas en dúas especialidades con moita demanda no Porriño e contorna, relacionadas coa cociña e coa atención sociosanitaria a persoas dependentes, que hoxe recibiron os seus diplomas.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o Secretario Xeral de Emprego, Alberto Fuentes, acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, e a directora do obradoiro, Marita Pintos, participaron do acto de clausura. Tamén estiveron presentes o presidente da Entidade Urbanística A Granxa, Indalecio Cuevas, David Sobral, secretario xeral de Fegape, e outros representantes da industria e da hostalería local.
Tal e como explicou a concelleira, este obradoiro abre as portas ao mercado laboral a estas persoas en situación de desemprego, ao tempo que forman a profesionais cualificados que melloran a calidade do servizo que se presta nestas áreas. “Son unha taboa de salvación para moitas persoas desempregadas”, apuntou.
Os/as alumnos/as traballadores/as contan con 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade de inserción laboral na contorna. Ao remate dos obradoiros, obteñen un certificado de profesionalidade.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, incidiu en que O Porriño necesita profesionais cualificados nestes dous sectores, e por iso se apostou por formar nestas dúas especialidades, ambas con moita demanda e convidou aos hostaleiros e empresarios asistentes “a coñecer de primeira man a capacidade e valía destes profesionais para darlles a oportunidade acceder ao mundo laboral no noso pobo”. O rexedor destacou tamén o labor social que desempeñaron dende a especialidade cociña “coa posta en marcha dun comedor social e iniciativas como a comida solidaria de Nadal, que fixeron do Porriño un pobo aínda máis solidario” e concluíu reiterando que “o emprego é liberdade, autonomía e a máis valiosa das políticas sociais, e para iso a formación é clave. Por iso seguiremos apostando por políticas activas de formación e emprego”.
No mesmo sentido se expresou a conselleira, Elena Rivo, incidindo en que “o emprego abre as portas do benestar social” e destacando a aposta do goberno galego pola formación, “queremos que dar traballo en Galicia e contar con profesionais cualificados é esencial”.
Ao remate do acto, hostaleiros e empresarios participaron dunha xornada de portas abertas na que coñeceron as instalacións e puideron degustar uns petiscos cociñados polo alumnado da especialidade de cociña.